Os investigadores do CISPAC Jesús Simal e Stefania Barca figuran na edición 2025 do Top 2% Scientists, a clasificación internacional que identifica o persoal investigador máis citado do mundo segundo indicadores bibliométricos normalizados de impacto científico.
No ámbito da historia, Stefania Barca sitúase entre as investigadoras máis citadas a nivel internacional, ocupando o posto 37 no seu campo segundo esta clasificación, o que evidencia o impacto global das súas achegas en historia ambiental e ecoloxía política.
O recoñecemento vincúlase ao impacto recente das súas investigacións e informes sobre historia ambiental, xustiza climática e transicións socioecolóxicas, liñas nas que vén desenvolvendo unha intensa actividade académica e de transferencia nos últimos anos no marco do CISPAC e de redes internacionais de investigación. Algúns destes exemplos son o informe “Just Transition and Care: An International Inquiry”, lanzado polo Instituto das Nacións Unidas sobre Investigación en Desenvolvemento Social (UNRISD); ou a súa publicación Workers of the Earth: Labour, Ecology and Reproduction in the Age of Climate Change.
Pola súa banda, Jesús Simal, catedrático da Universidade de Vigo e investigador do CISPAC, aparece recoñecido no campo das ciencias da alimentación, subcampo nutrición e dietética, no que se sitúa entre os investigadores máis citados a nivel mundial —posto 46— e entre os primeiros a escala estatal.
O recoñecemento relaciónase co impacto continuado das súas investigacións en seguridade alimentaria, composición nutricional e tecnoloxía de alimentos, así como coa súa produción científica recente e a participación en proxectos e redes internacionais centradas na calidade, control e innovación no ámbito alimentario.
O ranking Top 2% Scientists, desenvolvido por Stanford en colaboración con Elsevier, analiza o impacto científico a partir dun indicador composto que integra citas, índice h e posición de autoría, clasificando o persoal investigador en 22 campos e 174 subcampos científicos. Podes consultar a información completa nesta ligazón.