IX sesión: Ciclo teses en discusión

13/05/2024

O próximo 22 de maio contaremos cunha nova edición do Ciclo de teses en discusión do CISPAC. O encontro contará coa participación dunha investigadora e dun investigador, os cales exporán o seu proxecto e debaterán co público asistente.

En primeiro lugar intervirá M. Guadalupe Castro, ás 11h. Presentará a súa investigación baixo o título “Del objeto a la comunidad: cerámica prehistórica de Galicia entre el 3000 y el 1000 ANE”. É arqueóloga pola USC, especialista en cerámica prehistórica e protohistórica galega e está contratada como investigadora no grupo EcoPast. Entre os seus traballos destaca a súa tese doutoral e a cerámica do Neolítico ao Bronce Final desde unha perspectiva arqueolóxica e arqueométrica. Tamén investigou sobre a cerámica Calcolítica pre-campaniforme estremeña ou sobre o comercio mediterráneo en Cambio de Era en Galicia a través da análise de cerámica castrexa e importacións mediterráneas. No ámbito europeo salienta a súa participación actual nun estudo xeral sobre os ritmos de asimilación do rito funerario campaniforme xunto á Universidade de Leiden.

Ás 12h será a quenda de Roque Sanfiz Arias, quen falará sobre “Innovación na agricultura atlántica. Galicia 1880-2000”. É graduado en Historia (2018, USC) e Máster en Historia Contemporánea (2019, UAB). Actualmente cursa o Doutoramento en Historia Contemporánea na USC cunha investigación sobre a innovación e os cambios tecnolóxicos na agricultura galega do século XX. Tamén colabora co Laboratorio Ecosocial do Barbanza, coa Revista Mazarelos e ten publicado sobre historia social do deporte en Galicia.

Como é habitual no ciclo de teses en discusión, será o Lar do CISPAC (Edificio Fontán, Cidade da Cultura) o que acolla esta actividade.

Facebook
Twitter