O CISPAC analiza desde unha perspectiva transdisciplinar as causas estruturais dos incendios en Galicia

31/10/2025

O pasado 30 de outubro, o CISPAC reuniu a persoal investigador das tres universidades galegas na seu IV encontro baixo o título “Investigando para un futuro sen lumes”. Esta xornada tivo por obxectivo repensar os incendios forestais como un síntoma dun modelo de desenvolvemento territorial e social en crise, non como feitos illados, ademais de explorar novas formas de coñecemento compartido que permitan imaxinar un futuro sostible para o rural galego.

As intervencións amosaron nos lumes o resultado de múltiples procesos interconectados: a ordenación do territorio, o abandono rural, a desagrarización, a perda de prácticas tradicionais e o impacto das políticas forestais e industriais. O debate destacou tamén a cegueira institucional fronte á complexidade do fenómeno, e a urxencia de establecer un diálogo común que permita elaborar unha diagnose compartida, actuando máis alá da extinción.

Desde ámbitos como a historia, a economía, a enxeñaría ou a botánica, subliñouse a necesidade de reconstruír o vínculo co territorio e co monte, de repensar os usos do solo e de incorporar ás comunidades locais nas decisións. Tamén foi subliñada a pouca memoria sobre os incendios: cada verán multiplícanse as imaxes da traxedia, pero o resto do ano desaparece o debate sobre a prevención, a xestión territorial ou o papel das comunidades locais. En definitiva, promover formas de cooperación que fagan posible unha nova maneira de habitar e gobernar o territorio, configurando espazos rurais menos vulnerables.

O encontro reafirma a vontade do CISPAC de poñer o coñecemento xerado na academia ao servizo da cidadanía e das administracións, favorecendo espazos de diálogo onde pensar colectivamente un futuro sen lumes e fortalecer o vínculo co territorio. Esta vontade xa foi manifestada no pasado mes de agosto, trala declaración “Por un futuro sen lumes” asinada polo centro, na que se sinalaba que: “Pensar en reverter o abandono é tan difícil como necesario e require dun grande esforzo estratéxico de coñecemento, diálogo e actuacións”.

A xornada finalizou cun turno de intervencións e debates no que apareceron cuestións relacionadas co tratamento informativo dos lumes, a multiplicidade de enfoques na diagnose e os retos a enfrontar.

A segunda parte da sesión desenvolveuse nun formato interno e participativo, no que o persoal investigador do CISPAC traballou en grupos para identificar os principais retos que enfrontarán as paisaxes galegas nos vindeiros anos. Este espazo de reflexión permitiu presentar liñas de acción prioritarias nas que o centro pode incidir de maneira efectiva, tanto desde a investigación como desde a co-creación e devolución do coñecemento xerado á cidadanía.

Facebook
Twitter