Investigadores do CISPAC participan en Un século de nacións, unha ollada histórica a Galicia, Euskadi e Catalunya

05/08/2026

Ediciones Trea vén de publicar Un século de nacións. Galicia, Euskadi e Catalunya, unha obra colectiva editada por Lourenzo Fernández Prieto e Roque Sanfiz Arias, investigadores de HISTGRA e do CISPAC. O volume recolle as comunicacións e os debates desenvolvidos no VII Congreso Galeusca-Historia, celebrado os días 5 e 6 de outubro en Santiago de Compostela, organizado polo grupo HISTAGRA, o CISPAC e financiado pola Deputación da Coruña.

A publicación toma como punto de partida o século transcorrido desde a sinatura do primeiro pacto de Galeusca, en 1923, para analizar as relacións, diferenzas e experiencias compartidas de Galicia, Euskadi e Catalunya. O volume adopta unha perspectiva plural e conectada cos contextos europeo e internacional.

O libro divídese en dúas grandes partes. A primeira aborda as nacións e as propostas políticas galeuscanas a través de cuestións como a evolución histórica de Galeusca, a ditadura de Primo de Rivera, o pensamento agrario, a dimensión europea dos nacionalismos, a obra xornalística de Antón Villar Ponte, os recursos fiscais ou os medios culturais en lingua galega. A segunda céntrase na memoria dos pasados incómodos e dos conflitos, con investigacións sobre a migración e as protestas obreiras, a represión franquista, os lugares de memoria de Alexandre Bóveda e Lluís Companys, a normalización lingüística, o conflito das Encrobas, as políticas públicas de memoria, a violencia política en Euskadi e os mitos construídos arredor da Transición.

A presenza do CISPAC reflíctese tanto na edición como en varias das achegas. Lourenzo Fernández Prieto asina o prólogo; Marco Antonio Álvarez Sánchez analiza a débeda labrega no pensamento galeuscano; Roque Sanfiz Arias e David Miguel Rodríguez Martínez estudan a evolución e os retos dos medios culturais en galego nos últimos 100 anos; e David Fontán Bestilleiro aborda a dimensión histórica, comunitaria e memorial do conflito das Encrobas.

O epílogo, elaborado por Montserrat Duch Plana, amplía a reflexión sobre a maneira en que as sociedades afrontan as consecuencias do golpe de Estado, a guerra e a ditadura. A autora propón superar a idea dun pasado simplemente «incómodo» para atender á súa dimensión traumática e reivindica unha historia pública capaz de construír un relato plural que axude a comprender a dimensión política e plurinacional destes procesos.

Facebook
Twitter