A busca dos restos de dúas vítimas da violencia franquista no cemiterio de Santa María do Castro, en Miño, abre este mércores 4 de novembro os traballos do Plan de Memoria Democrática de Galicia para 2026. A intervención inicia unha nova campaña de investigación, localización e exhumación de fosas, desenvolvida no marco do convenio entre a Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia.
O proxecto conta coa participación do CISPAC a través do grupo HISTAGRA e do seu director, Lourenzo Fernández Prieto. O equipo reúne especialistas en historia, arqueoloxía, antropoloxía forense e xenética, cun modelo de traballo que combina a investigación documental coas intervencións sobre o terreo e a análise dos restos para avanzar na identificación das vítimas.
Ademais da actuación en Miño, a programación deste ano inclúe traballos en Ribeiras de Sor (Mañón), no cemiterio de Luou (Teo), en San Pedro de Filgueira de Trabanca (Oza-Cesuras), en San Francisco (Ourense), en San Vicenzo de Vilameá (A Pontenova) e na localización de Pontevedra-A Estrada. As intervencións adaptaranse ás necesidades de cada espazo, desde a continuidade de investigacións anteriores ata a procura de restos e o estudo dos enterramentos.
Estas actuacións forman parte do Plan de Memoria Democrática de Galicia 2025–2028, que articula tres liñas de traballo: a localización e exhumación de fosas e a identificación das vítimas; a divulgación das investigacións e dos seus resultados; e o recoñecemento dos lugares de enterramento e a promoción dos espazos de memoria.