A Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo acollerá os días 9 e 10 de outubro de 2025 o III Coloquio Internacional de Estudos Literarios en Vigo, un encontro académico organizado polo Programa de Doutoramento Interuniversitario en Estudos Literarios (PDIEL) das universidades da Coruña e Vigo, o grupo de investigación BiFeGa e a I Cátedra Internacional José Saramago da UVigo.
As propostas de comunicación poden remitirse ata o 10 de setembro de 2025 ao correo bifega@uvigo.gal, cun resumo de ata 500 palabras, palabras chave, título e nota biobibliográfica.
O coloquio desenvolverase en formato híbrido —presencial na Facultade de Filoloxía e Tradución e en liña a través do Campus Remoto da UVigo— e contará con comunicacións de 15 minutos de duración en galego, castelán, portugués ou inglés. Entre os eixos temáticos destacan: as literaturas en lingua galega, española, portuguesa, inglesa e francesa; os estudos de tradución e culturais; as artes visuais, o teatro ou o cinema; así como a historia e os estudos interartes.
Está confirmada unha conferencia plenaria a cargo da profesora Helena González Fernández (Universitat de Barcelona). Ademais, ofreceranse axudas de desprazamento e aloxamento para o alumnado do programa de doutoramento das universidades organizadoras.
Toda a información detallada sobre o evento e o envío de propostas está dispoñible na web da Cátedra Internacional José Saramago.