Historia e territorio. Aplicación da análise espacial aos estudos históricos

06/11/2026
9:40
Facultade de Humanidades

Localizar fortificacións medievais, estudar a organización dos espazos agrarios ou reconstruír os itinerarios da protesta popular urbana son algunhas das aplicacións da análise espacial ao coñecemento do pasado. O seminario «Historia e territorio» poñerá en común experiencias de investigación que empregan os sistemas de información xeográfica (SIX) e outras tecnoloxías para abordar estas cuestións, atendendo tanto ás súas potencialidades como aos seus límites e desafíos metodolóxicos.

A primeira mesa, coordinada por Rubén Castro Redondo, contará coas intervencións de Silvia Maciel, sobre o uso dos SIX no estudo da Idade do Ferro no norte de Portugal; Marcos Llobera O’Brien, sobre arqueoloxía da paisaxe dixital; Francisco Folgueira Ríos, arredor da arqueoloxía da paisaxe urbana; e José Carlos Sánchez Pardo, sobre a aplicación das tecnoloxías da información xeográfica ao estudo da paisaxe rural galega medieval.

A segunda mesa, coordinada por José Carlos Sánchez Pardo, abrirase coa intervención de Luis Manuel Ibáñez Beltrán sobre as igrexas de Lugo e o territorio na Idade Media. Mario Pereiro Fernández presentará as posibilidades dos SIX para descubrir e sistematizar as fortificacións altomedievais galegas, mentres que Rubén Castro Redondo abordará os resultados e problemas da xeorreferenciación da diversidade metrolóxica na España moderna. Pola súa banda, David Fontán Bestilleiro tratará a construción histórica dos agroecosistemas e a xestión colectiva do territorio, e José María Cardesín Díaz analizará a cartografía dos itinerarios da protesta popular urbana durante a Guerra da Independencia.

As intervencións darán paso a un debate conxunto, previsto entre as 13.15 e as 14.00 horas, co que se pechará a xornada. A actividade desenvólvese no marco do proxecto de investigación ESNECON: Escenarios de negociación y conflicto en espacios de gestión comunal (PID2024-155273NB-C43), financiado pola Axencia Estatal de Investigación, así como dos grupos de investigación Aevum (GI-2213) e Historia Moderna (GI-1921) e do CISPAC.

Descarga o programa a continuación:

Facebook
Twitter