A longametraxe San Simón (2025), dirixida por Miguel Ángel Delgado, aborda a historia do campo de concentración franquista da illa de San Simón. A película tivo a súa estrea no Festival Internacional de Cine de San Sebastián, na sección Made in Spain, onde foi a única cinta en galego desta edición.
A obra reconstrúe como o antigo lazareto foi convertido en presidio a partir de outubro de 1936, un espazo onde milleiros de persoas foron vítimas da represión franquista. A narración, baseada en feitos reais e investigación histórica, incorpora material documental e fotografías clandestinas vinculadas aos presos e ás súas familias, e sitúa o foco na memoria e nas feridas abertas do franquismo en Galicia.
Na película San Simón participaron HISTAGRA e o CISPAC, ofrecendo acompañamento e coñecemento especializado que reforza o relato histórico sobre a memoria democrática.
O filme poderá verse no Ourense Film Festival (OUFF) o xoves 2 de outubro ás 17:00 no Teatro Principal, dentro de Panorama Galicia, e a súa estrea en salas está prevista para o 24 de outubro.