Escollido o primeiro Comité Científico do CISPAC

15/12/2023

Despois do proceso electoral desenvolvido nos últimos 10 días, o pasado mércores procedeuse á escolla dos 11 membros do Comité Científico do CISAPC. Foi unha votación 100% telemática, despois de que ninguén escollera a opción de voto presencial.

Votación cunha alta participación

A participación global alcanzou o 64,5% das persoas chamadas a votar. Segundo palabras do Director Científico do Centro, Lourenzo Fernández Prieto, “esa alta porcentaxe amosa o grande interese que as persoas investigadoras do noso centro teñen no seu desenvolvemento”, e menciona así mesmo que “a recente presentación do CISPAC á Orde de Centros do 24 de Outubro da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, solicitando case 4 millóns de euros para o período 2023-2027, sitúase no centro dunha estratexia colectiva que debe desembocar na conversión do CISPAC non instrumento moi útil do Sistema Universitario de Galicia para contribuír a enfrontar os retos socioeconómicos e ambientais que ten a sociedade galega diante súa”. 

Respecto á participación por censo, cómpre mencionar que en 4 deles (paisaxes con persoas, paisaxes que producen, paisaxes que se gobernan e paisaxes que se visitan) a porcentaxe de participación foi superior ao 75%, sendo nos dous últimos do 100%. No censo das paisaxes con patrimonio a participación foi do 61,5% e no de investigadores/as non permanentes e investigadores/as en formación do 50%

Un comité científico equilibrado por xénero

Dos 11 membros que o conforman, 6 son mulleres e 5 homes. Laura Oso, Directora Adxunta do CISPAC salienta que “o traballo cooperativo de investigadores e investigadoras de diferentes campos científicos e con afinidades diversas é unha riqueza en si mesma e unha potencialidade que debemos saber aproveitar para o proceso de internacionalización do CISPAC”. 

O SUG perfectamente representado no Comité Científico

A participación das tres universidades no CISPAC é 24,6% da UDC, 62,3% da USC e 13% da UVIGO. Se atendemos ao persoal vinculado, a participación das nosas universidades no CC do CISPAC é 36,3, 45,4 e do 18,1%, respectivamente. No Regulamento de Réxime Interno do CISPAC avógase polo equilibrio no sistema de escolla, facilitando que tanto os xéneros como as universidades participen de forma equilibrada. 

A USC achega 5 membros do Comité Científico, a UDC 4 e a UVIGO 2. Os seus nomes son os seguintes:

Paisaxes con patrimonio
José Carlos Sánchez Pardo; Aurora Grandal d’Anglade

Paisaxes con xente
Laura Oso Casas; Isidro Dubert García

Paisaxes que producen
Stefania Barca; David Olegario Peón Pose

Paisaxes que se gobernan
Antonio Losada Trabada; Elvira Santiago Gómez

Paisaxes que se visitan
José Antonio Fraiz Brea; Trinidad Domínguez Vila

Investigadoras non permanentes e investigadoras en formación
Mónica Ferrín Pereira

Seguintes pasos

Unha vez proclamados definitivamente os seus membros, o Comité Científico reunirase de forma inmediata para constituírse e pór a andar varios procesos adicionais como son: a proposta de membros do Consello de Transferencia e a proposta de Director/a Científico/a do CISPAC. Todo isto deberá ser acordado posteriormente polo Consello Reitor, máximo órgano de goberno do CISPAC.

Facebook
Twitter