Escavacións arqueolóxicas en Cova Eirós e Gruta dos Bloques: dous xacementos, dúas realidades. Campaña 2026

01/09/2026

O CISPAC acolle o vindeiro 21 de setembro o seminario de investigación Escavacións arqueolóxicas en Cova Eirós e Gruta dos Bloques: dous xacementos, dúas realidades, no que se presentarán os resultados da campaña realizada en agosto de 2026 nestes dous enclaves da ladeira do Monte Penedo, en Cancelo (Triacastela).

As cavidades desta contorna ofrecen información fundamental para comprender a evolución dos grupos humanos que habitaron as serras orientais galegas durante a Prehistoria. Cova Eirós constitúe o proxecto de escavación paleolítica máis lonxevo e cun dos rexistros arqueolóxicos máis ricos de Galicia. A súa secuencia ocupacional abrangue desde o Paleolítico medio, entre hai aproximadamente 50.000 e 39.000 anos, e o Paleolítico superior, entre hai 36.000 e 14.000 anos, ata períodos máis recentes como o Neolítico, o Calcolítico e a Idade Media.

A Gruta dos Bloques, pola súa banda, é un abrigo cun depósito de gran potencial arqueolóxico no que se identificaron episodios de ocupación que se remontan á Idade do Bronce. O estudo conxunto dos materiais recuperados nos dous xacementos permite achegarse a diferentes aspectos da vida das comunidades que ocuparon este territorio ao longo do tempo.

No seminario intervirán Hugo Bal García, Tania Mosquera Castro, Álvaro Ibáñez Encinas e Ramón Fábregas Valcarce, da USC e investigadores do CISPAC; Mikel Díaz Rodríguez, da Universidade de Vigo e investigador do CISPAC; Xosé Pedro Rodríguez Álvarez, da Universitat Rovira i Virgili e do IPHES; Iria López Vieitez, da Universidade de Santiago de Compostela; e Arturo de Lombera Hermida, da Universidade de Oviedo.

Facebook
Twitter