Entrevista a Violeta Gutiérrez Zamora, investigadora de estadía no CISPAC

10/09/2024

Violeta Gutiérrez Zamora é investigadora posdoutoral do Natural Resources Institute Finland (Luke). A súa investigación traballa con temas ligados á deforestación, o desenvolvemento rural, o cambio climático, as políticas ambientais e as relacións entre as especies humanas e non humanas. 
 
Durante os próximos meses estará desenvolvendo unha estadía de investigación baixo a supervisión de Stefania Barca no CISPAC. Achegámonos para coñecer o seu traballo:

Cal é o obxecto de estudo da túa actual investigación posdoutoral?

De maneira xeral a miña investigación posdoutoral ten como obxectivo comprender mellor os distintos valores que as persoas atribúen ao bambú e ás transformacións que tiveron as intervencións do desarrollo baseadas nas cadeas de valor do bambú na República Democrática Popular Lao (Laos).

O contexto da crecente demanda mundial de bambú e as intervencións de desenvolvemento internacional e a bioeconomía proporcionan un terreo fértil para investigar como se valoran as especies de bambú, non só en termos económicos se non tamén cultural, estético e ecolóxico en diferentes escalas e xeografías. Ademais, resulta fundamental examinar que valores son engandidos ou relegados en ditas intervencións e os efectos que iso ten na vida cotiá dos produtores. Aquí no CISPAC estou traballando nun artigo onde analizo, dende a ecoloxía política feminista, como o “coidado da natureza” se concibe tanto como principio ético, como traballo concreto nas intervencións de desenvolvemento baseadas nas cadeas de valor do bambú.

Esta investigación é parte do proxecto Xustiza e Política na Bioeconomía Global (Just GLOBE), financiada polo Research Council of Finland.

México, Finlandia, Laos e agora, Galicia. Como está sendo a túa experiencia á hora de analizar o comportamento das comunidades coa súa contorna en diferentes territorios e contextos?

A miña investigación ata agora centrouse en comunidades rurais de México e Laos que foron obxecto de intervencións internacionais no marco do manexo forestal para o desenvolvemento sustentable. Ao investigar en territorios e contextos tan diferentes, é evidente a influencia de narrativas e discursos globais sobre o que é e como se crea o desenvolvemento sustentable e/ou a bioeconomía, os cales moldean as políticas de desenvolvemento rural e conservación forestal. Estas narrativas tamén se poden atopar en Finlandia e en Galicia. Porén, as respostas e adaptacións de cada comunidade a estas políticas son o que aporta unha diversidade de perspectivas e historias, a partir das cales podemos imaxinar e activar alternativas máis xustas social e ecoloxicamente, e adecuadas ás realidades e necesidades das poboacións locais.

Paréceme que é fundamental aprender das distintas experiencias que existen noutros territorios e reflexionar sobre os puntos nos que esas distintas historias coinciden ou se contrastan, non a xeito de comparación, senón de comprender que camiños se trazaron e aprender deles.

Cres que abordar este proceso desde unha perspectiva multidisciplinar é beneficioso para a túa investigación?

As problemáticas que actualmente enfrontan os bosques (deforestación, degradación, crise de biodiversidade, cambio climático etc) precisan do diálogo entre diferentes disciplinas, xa que isto permite unha comprensión máis profunda e completa. No meu caso, tanto a socioloxía ambiental como a ecoloxía política feminista apórtanme diferentes ferramentas para analizar como as persoas viven nos e cos bosques, e como os factores sociais, culturais, económicos e xeográficos inflúen nesta intervención.

Pero para isto tamén foi importante entender as distintas perspectivas doutras disciplinas como as ciencias forestais e a historia ambiental, malia que non sexan o meu campo principal, axuda a ampliar a nosa mirada. Porén, diálogo entre expertos de distintas disciplinas non é sinxelo, xa que precisa apertura, tempo e disposición, que non sempre é posible.

Por último, que agardas da túa estadía no CISPAC?

Espero poder enriquecer a miña investigación a través dun intercambio de ideas e conocimientos xunto con outros investigadores en temas relacionados coa sustentabilidade, a ecoloxía política e o desenvolvemento rural. Tamén espero profundizar a miña comprensión sobre os debates actuais en materia de traballos de coidado e crise anticlimática. Ademais, quero aprender das experiencias en Galicia e ampliar a miña rede de colaboración.


O vindeiro 23 de setembro Violeta intervirá nun seminario coa ponencia “Racionalidades ambientales y el manejo forestal comunitario: entre esperanzas, crisis y reexistencias en México y Laos”. Esta actividade está enmarcada no curso Historia ambiental, agroecoloxía e sociedades rurais do mestrado interuniversitario en Historia Contemporanea (USC). O evento terá lugar o Seminario 103 do CISPAC ás 11h, e contará tamén coa intervención de David Soto Fernández e a moderación de Lourenzo Fernández Prieto e Stefania Barca, investigadores do CISPAC.

Facebook
Twitter