O CISPAC acolle durante estas semanas a estancia de investigación de Michael Tortorella, doutorando en Global Studies na Universidade de Bolonia, cuxo traballo se centra nas relacións entre memoria, colonialismo e construción territorial desde unha perspectiva decolonial.
Achegámonos ás principais liñas da súa investigación, á relevancia dunha aproximación interdisciplinar ao estudo do colonialismo e á súa experiencia de traballo no centro.
1. En que consiste a túa investigación e cales son as súas principais liñas de traballo neste momento?
Estou a realizar un doutoramento en Global Studies na Universidade de Bolonia, cun enfoque específico en memoria, xeografía e colonialismo italiano. En particular, a miña investigación céntrase na relación entre a construción colonial da idea do Mezzogiorno e o proxecto imperial italiano en Etiopía, desde unha perspectiva decolonial.
Intento rastrexar esta relación no Patto Colonico do Ente di Puglia (1937), entendido como unha experimentación de colonialismo de pobramento e de habitar colonial, a través da instrumentalización da emigración campesiña pugliese e do control dos corpos das mulleres de Puglia, co intento de construír unha sociedade fascista, racista e explicitamente antiindíxena. Trátase de politizar dúas memorias frecuentemente relegadas ou invisibilizadas que están na base do proxecto nacional italiano moderno: a Cuestión Meridional e a colonialidade herdada do colonialismo italiano, que segue sendo omnipresente no presente.
2. Como é abordar o papel do colonialismo desde diferentes territorios e contextos históricos e sociais? Cres que segue existindo unha tendencia a mirar cara a outro lado en lugar de revisar de maneira crítica os procesos coloniais e as súas consecuencias no presente?
Desde a miña posición como activista e emigrante pugliese, afrontar o colonialismo global significa recoñecer, como subliña Iain Chambers, que o pasado colonial, a escravitude e a necropolítica non son só historia, senón que estruturán o presente. Desde as fronteiras do Mediterráneo ata o colonialismo de asentamento en Palestina, desde a extracción en Venezuela ata os discursos racistas cara ao Sur Global, evidénciase que o tempo e o espazo actuais son coloniais, reflectindo un poder que decide que vidas e territorios son sacrificables.
3. Cres que abordar este proceso desde unha perspectiva interdisciplinar é beneficioso para a túa investigación?
Cuestionar a modernidade europea e o colonialismo significa entender que o coñecemento moderno nunca foi neutral: desde as ciencias sociais como a historia, a xeografía e a socioloxía, ata as ciencias naturais como a xeoloxía ou a física, todas contribuíron ao proxecto colonial. Descolonizar este coñecemento non só implica aplicar enfoques decoloniais, queer ou transfeministas, senón tamén valorar o que xorde das resistencias dos pobos, das teoloxías da liberación e dos conflitos actuais, desmontando o carácter intrinsecamente violento da modernidade.
Cuestionar a modernidade europea e o colonialismo significa entender que o coñecemento moderno nunca foi neutral: desde as ciencias sociais como a historia, a xeografía e a socioloxía, ata as ciencias naturais como a xeoloxía ou a física, todas contribuíron ao proxecto colonial
4. Por último, como está sendo a túa estancia no CISPAC e que expectativas tes deste período de investigación e colaboración?
A miña estancia no CISPAC está a ser moi positiva. A estrutura é ampla e eficiente e adáptase ás necesidades de estudo e traballo. O ambiente é cálido e acolledor. As miñas expectativas baséanse en dous aspectos: académico e existencial.
No ámbito académico, estou a aprender moito grazas á supervisión do meu profesor Marco Armiero. Está a axudarme a comprender como se realiza a investigación historiográfica e o traballo en arquivos. Dun modo máis xeral, ensíname a relacionarme co tema da memoria desde un enfoque metodolóxico. No ámbito existencial, para mín esta é a primeira experiencia de estudo noutro país, polo que desexo coñecer e conectar coas experiencias e persoas que viven aquí.