Entrevista a Luca Grisolini, investigador de estadía no CISPAC

26/03/2025

Luca Grisolini é doutorando en Ciencias da Educación e Psicoloxía na Universidade de Florencia. O seu traballo céntrase na Historia Social contemporánea, estudando os procesos de gobernanza para a investigación e a valorización educativa do patrimonio material e inmaterial do Casentino. Co gallo da súa estadía no CISPAC, conversamos con el para coñecer máis sobre a súa investigación.

Cal é o obxecto da túa investigación?

Eu son estudante de Pedagoxía e traballo sobre as competencias necesarias para a gobernanza colaborativa, o policymaking e a horizontal leadership no desenvolvemento local das áreas montañosas da Toscana. Nos últimos 30 anos, os procesos colaborativos foron clave para revitalizar territorios con problemas de despoboamento e escaseza de recursos. Estas comunidades adoitan ter dificultades para manter e valorizar o seu patrimonio artístico e cultural.

Por iso, é fundamental estudar as competencias non só das persoas que gobernan, senón tamén das asociacións e dos individuos que participan activamente na estrutura social. No meu caso, investigo o val do Casentino, unha rexión montañosa da Toscana que afronta estes desafíos pero que tamén é pioneira no desenvolvemento sostible. A participación cidadá no deseño das políticas e na xestión do patrimonio é esencial. Actualmente, existen modelos europeos que miden as competencias políticas dos representantes institucionais, pero eu propoño aplicalos a toda a comunidade, porque calquera persoa pode ter un papel activo no policymaking.

Que competencias debe adquirir a cidadanía para contribuír á xestión do patrimonio?

A clave está na colaboración. A horizontal leadership é fundamental: trátase dun liderado no que quen guía o proceso non se sitúa nunha posición de superioridade, senón que traballa en pé de igualdade co resto da comunidade. Isto significa coñecer as políticas, os documentos oficiais e os mecanismos de participación para que todas as voces sexan escoitadas.

Na gobernanza horizontal, un membro da administración pública ou dunha asociación pode liderar un proceso sen impoñerse, facilitando o diálogo para atopar solucións colectivas. A cidadanía, ao vivir diariamente no territorio, coñece mellor ca ninguén os seus problemas. Eu ocúpome especificamente do patrimonio inmaterial e dos ecosistemas forestais, onde a experiencia e o coñecemento dos actores locais son fundamentais para deseñar estratexias sostibles e eficaces.

Cres que este proxecto pode abordarse dende unha perspectiva interdisciplinaria?

Totalmente. A miña investigación busca ofrecer ferramentas ás administracións públicas para avaliar e mellorar as competencias dos diferentes actores sociais. Unha das propostas que estou desenvolvendo é un “radar de competencias”, un modelo que permitirá identificar que habilidades cómpre reforzar e onde investir recursos.

“Limitarse unicamente á literatura dun campo específico resulta insuficiente para comprender a complexidade destes procesos”

Isto implica estudar non só gobernanza e pedagoxía, senón tamén administración pública e socioloxía. As políticas de formación institucional son cruciais, e este enfoque interdisciplinario tamén se relaciona coa ciencia aberta, que aposta pola colaboración entre diferentes áreas do coñecemento. Para min, limitarse unicamente á literatura dun campo específico resulta insuficiente para comprender a complexidade destes procesos.

Como valoras a túa estadía no CISPAC?

Moi positivamente. Para min, o máis valioso é atopar un espazo de debate con colegas doutras disciplinas que enriquecen a miña perspectiva. Ademais, Galicia e a Toscana teñen moitas semellanzas nos seus sistemas educativos e no seu modelo de desenvolvemento rural. Creo que isto pode ser a base para establecer futuras colaboracións e fortalecer unha unidade de estudos compartida entre ambas as rexións.

Esta entrevista foi realizada por Sara Flores Martín (Bolseira Colaboración Ministerio – Máster Historia Contemporánea) e Claudia Quintela Aróstegui (PAE Grao en Historia).

Facebook
Twitter