Chiara Luce Breccia é doutoranda en Filosofía pola Università di Pisa e graduada en Filosofía pola Università di Bologna. A súa investigación céntrase na relación entre a teoría da reprodución social e o ecofeminismo, así como na súa evolución.
Atópase realizando unha estadía no CISPAC, polo que nos achegamos para coñecer máis o seu campo de traballo e a súa experiencia no centro.
Cal é o obxecto da túa investigación?
Estou realizando un doutoramento en Filosofía e, no marco deste, estou facendo unha estancia no CISPAC. Este trata sobre a filosofía feminista, un campo moi amplo, e en particular da reprodución social e do feminismo marxista. Interésanme cuestións relacionadas co feminismo no ámbito laboral, a teoría crítica e os coidados.
Estás estudando algún tema en concreto?
O meu traballo céntrase en análise teórica e bibliográfica; fago pouco traballo de campo ao non ser nin antropóloga nin socióloga. Actualmente estou buscando un punto de encontro entre a teoría feminista da reprodución social, especialmente a desenvolvida en Italia nos anos 70, e o que hoxe chamamos ecofeminismo ou ecoloxía política. Ocúpome da evolución da teoría da reprodución social desde os anos 70 ata a actualidade, examinando como esta foi transformándose no contexto do activismo feminino, do pensamento sobre o traballo doméstico e da relación contemporánea entre mulleres, traballo e teoría feminista.

Cres que unha perspectiva multidisciplinar beneficia a túa investigación?
Si, sen dúbida. Creo que o estudo feminista é estruturalmente multidisciplinar, xa que combina filosofía, historia, socioloxía e antropoloxía. Esa diversidade metodolóxica é precisamente o que lle dá a súa beleza e riqueza.
Como valoras a túa estancia no CISPAC?
Moi positivamente. Aprecio moito ter un espazo de traballo, algo do que non dispoño en Italia, e agradécese contar cun lugar onde gardar as miñas cousas e concentrarme. Ademais, estar noutro país é unha experiencia enriquecedora. O feito de que no CISPAC se traballen cuestións relacionadas co territorio galego tamén me parece moi interesante, xa que considero fundamental manter unha conexión co contexto local. O que máis valoro é que, ao tratarse a filosofía dun campo moi teórico, é agradable compartir o espazo con outras persoas e sentir un pouco de compañía.
Esta entrevista foi realizada por Paula Baliño Rodríguez e Alejandra González Aguilera, alumnas realizando as Prácticas Académicas Externas (PAE) dos graos en Historia e Historia da Arte respectivamente no noso centro.