O proxecto europeo EC4Rural, cofinanciado polo programa LIFE da Unión Europea e coordinado polo profesor da Universidade de Vigo e director de Transferencia do CISPAC, Xavier Simón, continúa a avanzar na implantación de comunidades enerxéticas rurais, con especial participación en Galicia e Estonia. A iniciativa aposta por unha transición enerxética xusta e participativa, impulsada desde o ámbito local e orientada a fortalecer a sustentabilidade ambiental e social das zonas rurais.
A comezos de outubro, a Universidade de Vigo acolleu a Conferencia Europea sobre Comunidades Enerxéticas Rurais: tendendo pontes entre a acción local e a transición cara ás enerxías limpas, que reuniu máis de 120 participantes de 20 países. O encontro permitiu compartir experiencias, crear redes de colaboración e debater sobre os retos e oportunidades que ofrece a transición verde en contextos rurais.
En Galicia, 22 concellos participan xa no proxecto, con representación das catro provincias. As comunidades atópanse en diferentes fases de desenvolvemento, con Moeche e Vilasantar como os primeiros municipios nos que comezou o proceso de implementación. No marco da conferencia, especialistas de vinte países visitaron o Concello do Rosal, onde coñeceron de primeira man o modelo local de transición enerxética impulsado pola administración municipal en colaboración coa veciñanza e o tecido asociativo.
Durante o encontro, Simón destacou que o proxecto EC4Rural permitiu avanzar desde un coñecemento limitado cara a unha experiencia sólida sobre como desenvolver, a escala local e co control das comunidades, “iniciativas verdes, abertas, democráticas e viables desde o punto de vista ambiental, social e económico”. Subliñou tamén que o proxecto “está aberto a todas as comunidades locais de Galicia que queiran iniciar este proceso”, recordando que o futuro enerxético pasa pola existencia de “pequenas unidades de produción cooperando entre si e conectadas á rede para compartir ou adquirir enerxía segundo as necesidades de cada territorio”.
Podes consultar máis información na web do proxecto.