Crónica da xornada ‘Os procesos de gobernabilidade e participación na instalación de plantas de enerxías renovables en Galicia’

30/10/2024

Este 29 de Outubro de 2024, celebrouse na sede do CISPAC, en Santiago de Compostela, a Xornada denominada ‘Os procesos de gobernabilidade e participación na instalación de plantas de enerxías renovables en Galicia’. Organizada polo Observatorio Eólico de Galicia (OEGA), REDS-SDSN Spain, Eudemon e INSTA – Servizos Xurídicos Ambientais, esta actividade constituíu un verdadeiro punto de reunión multisectorial, tendo como centro de atención a actividade de produción de enerxías renovables na nosa Comunidade Autónoma e a diversidade e amplitude das súas implicacións, desde diversas perspectivas de análise.

O obxectivo desta xuntanza foi a creación dun espazo de diálogo multi-actor, arredor dos procesos de gobernabilidade e participación na instalación de plantas de enerxías renovables. A reunión estruturouse en base a dúas mesas de diálogo de temática específica, que reuniron a distintos sectores implicados, con puntos de vista diverxentes. En paralelo ao diálogo, presentáronse as recomendacións e propostas consensuadas na folla de ruta co-creada durante as sesións da iniciativa ‘Renovables co Territorio’, obténdose as visións dos participantes respecto das mesmas.

Na primeira das mesas, relativa ao diálogo sobre políticas públicas e á colaboración multinivel, contouse coa presencia, entre outras personalidades, do Alcalde de Muras, así como de representantes da Xunta de Galicia, da Asociación Eólica Española (AEE), do sindicato CC.OO. e do ámbito empresarial. Neste foro, destacouse a importancia da comunicación das iniciativas enerxéticas á base social desde as etapas máis iniciais de concepción das mesmas, así como a influencia desta comunicación na aceptación social das mencionadas iniciativas. Especificamente, o representante da Asociación Empresarial Eólica destacou a existencia dun Código de Boas Prácticas á disposición das empresas promotoras e salientou que, dentro do mesmo, prevese a consulta ás partes involucradas desde momentos moi iniciais.

A representación do Municipio de Muras manifestou que os pequenos municipios poden enfrontar dificultades adicionais, derivadas da súa falta de capacidade e medios específicos para intervir eficazmente nos procesos participativos; ao tempo que insistiu na relevancia de que a participación municipal sexa real e efectiva. O rexedor mostrouse crítico, a este respecto, coa posibilidade da declaración da ‘incidencia supra-municipal’ dos proxectos, por entender que lamina competencias municipais. A representación do Goberno Autonómico subliñou a importancia de comunicar, desde momentos iniciais, os potenciais impactos e beneficios da actividade proxectada. Xunto a isto, sinalou que na fase de Acceso e Información Pública, o proxecto debería atoparse xa consensuado coa cidadanía, para o cal é crucial lograr transmitir apropiadamente os beneficios sociais e a creación de emprego vinculados á proposta. Finalmente, resaltou o rol da figura da Administración Ambiental Simplificada para clarificar e simplificar a normativa autonómica.

A segunda das mesas de diálogo dedicouse á participación social. Nela, o representante de Red2Red destacou que os conflitos frecuentemente non teñen que ver con cuestións técnico-económicas senón con problemáticas de carácter psico-social. Consecuentemente, defendeu a necesidade de apoiar o desenvolvemento das capacidades socio-comunitarias nos territorios, apostando por un enfoque orientado á prevención dos conflitos. En canto á incorporación da visión supramunicipal na participación, estimou que os Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR), como tamén os Grupos de Acción Local, son axentes de participación na definición das estratexias de desenvolvemento no rural.

A representante de WWF considerou clave partir do emprazamento xeográfico e, particularmente, insistiu na necesidade da planificación das instalacións enerxéticas, que haberá concretarse na definición das áreas prioritarias de desenvolvemento e das áreas de exclusión, proceso no cal REE debera desenvolver un papel esencial. Defendeu o establecemento de Protocolos de Participación, así como tamén o empoderamento da cidadanía a través das comunidades enerxéticas. A representación de ADEGA botou de menos a existencia de plans de transformación industrial que plasmen a vinculación dos proxectos co territorio, ao tempo que recoñeceu a vontade de diálogo das comunidades locais, sempre que existan obxectivos claros que motiven ese diálogo.

Mostrouse crítica ante a existencia de negociacións ‘porta a porta’ entre as promotoras e a veciñanza,
cuestionando tamén os xustiprezos aplicados en determinadas expropiacións. O representante da Asociación Eólica de Galicia estimou que, a pesar de que a enerxía eólica supón unha aportación do 1% ao PIB galego, na nosa Comunidade acumulamos 14 anos de inacción neste sector. Alertou do prexuízo para os investimentos por mor da inseguridade xurídica e destacou a alta porcentaxe de acordos acadados cos propietarios das terras, especialmente coas CMVMC, así como os Acordos a Longo Prazo con Asociacións Locais.

O Catedrático de Economía Ecolóxica da Universidade de Vigo e investigador do CISPAC, Xavier Simón Fernández, puxo de relevo que, en certos anos, mesmo máis do 100% da electricidade consumida en Galicia procedeu de fontes de enerxía renovables, apuntando que a conflitividade non se limita ás instalacións eólicas e sinalando a relevancia da enerxía hidráulica na nosa Comunidade, a cal tamén xerou oposición social. Constatou unha concentración nas enerxías renovables e incidiu en que a transición enerxética xusta debe ir máis alá da simple redución das emisións.

Facebook
Twitter