A sesión Property and Housing Conflicts in Early Modern European Cities (16th–19th Centuries) abre a recepción de propostas para participar no XIII Congreso da Associazione Italiana di Storia Urbana (AISU), que terá lugar en Xénova entre os días 7 e 10 de setembro de 2027. A sesión estará coordinada por Daniel Mena Acevedo, investigador do CISPAC e da Universidade de Santiago de Compostela, xunto con Ana María Coll Coll, profesora da Universitat de les Illes Balears.
A convocatoria está dirixida a investigacións sobre os conflitos relacionados coa propiedade e a vivenda nas cidades europeas entre os séculos XVI e XIX. Entre as liñas de interese figuran as disputas familiares e veciñais, os conflitos derivados das obras, as relacións entre propietarios e inquilinos e os procesos de incautación ou confiscación de bens. A sesión busca abordar estas cuestións desde unha perspectiva internacional e comparada, así como promover unha reflexión crítica sobre o uso de fontes xudiciais, fiscais, notariais, privadas e administrativas.
As persoas interesadas deberán enviar antes do 14 de outubro de 2026 un título e un resumo dun máximo de 400 palabras, redactados en inglés e italiano, a danielsteven.mena.acevedo@usc.es e anamaria.coll@uib.es.
A AISU ofrece, ademais, bolsas de participación para persoal investigador menor de 35 anos, destinadas a cubrir a inscrición no congreso e a cota da asociación para 2028.
Máis información no documento adxunto.