Coñecemento para novos retos: as últimas publicacións do persoal investigador do CISPAC

30/09/2026

O persoal investigador do CISPAC amosa o seu compromiso coa xeración e transferencia de coñecemento a través de novas publicacións que, no último trimestre, afondan desde o ámbito académico en diferentes realidades, retos e debates de actualidade. Entre elas destacan catro contribucións que abordan cuestións relacionadas coa sustentabilidade dos sistemas alimentarios, a divulgación científica, o papel das mulleres no rural e a educación fronte aos discursos de odio.

En primeiro lugar, Alimentos sostibles e xestión do territorio, publicado polo Consello Económico e Social de Galicia, analiza os retos dos sistemas alimentarios e da xestión sostible do territorio, abordando cuestións como o abandono de terras, a especialización gandeira e a dependencia exterior. A publicación destaca o potencial da agricultura familiar e dos sistemas alimentarios de proximidade e propón medidas para avanzar cara a modelos máis sostibles. No informe participan investigadores e investigadoras vinculados ao CISPAC, entre eles Eduardo José Corbelle Rico e Ana Isabel García Arias.

O capítulo Concepciones del profesorado de ciencias sociales en formación inicial ante el discurso de odio, publicado na obra colectiva La Didáctica de las Ciencias Sociales en tiempos de inteligencia artificial y desinformación, editada polo Servizo de Publicacións da Universidade de Murcia, aborda as percepcións e os coñecementos do futuro profesorado de Ciencias Sociais ante o discurso de odio, unha problemática especialmente relevante no contexto actual de expansión da desinformación e das novas formas de comunicación dixital. O traballo, elaborado por Yamilé Pérez Guilarte e Roberto García Morís, reflexiona sobre o papel da formación docente na identificación, comprensión e abordaxe destes discursos desde o ámbito educativo, poñendo o foco na preparación do profesorado para traballar criticamente con este tipo de contidos na aula.

Pola súa banda, Formatos y fórmulas para la divulgación científica a través de redes sociales é un capítulo publicado no volume colectivo Ciencia para la Sociedad, que analiza o potencial das redes sociais para a divulgación científica e a adaptación dos contidos ás diferentes plataformas e públicos. O traballo aborda aspectos creativos e audiovisuais orientados a favorecer unha comunicación científica atractiva e rigorosa fronte á desinformación. Está asinado por Mónica Valderrama-Santomé, Beli Martínez e Talía Rodríguez-Martelo.

Como peche, Facedoras de Lugo: 2025-2026 é o catálogo da exposición de Mar Caldas na Rede Museística Provincial de Lugo, centrada en mulleres vinculadas ao sector primario e á actividade gandeira no rural lucense. A través das súas fotografías, o proxecto visibiliza o papel destas mulleres e a diversidade das súas traxectorias, afastándose dos estereotipos asociados ao rural e poñendo en valor a súa relación co territorio e co coidado dos animais. A publicación conta coa colaboración de Ana Cabana Iglesia, investigadora vinculada ao CISPAC.

Facebook
Twitter