O Centro Infográfico Avanzado de Galicia (CIAG) celebra o seu 15º aniversario cunha xornada que terá lugar o 30 de abril ás 18:00 horas no Edificio Fontán, na Cidade da Cultura de Galicia, conta coa colaboración do CISPAC.
Baixo o título “15 anos revivindo o patrimonio galego perdido”, o encontro servirá para facer balance da traxectoria do CIAG, unha iniciativa centrada na reconstrución virtual de elementos patrimoniais desaparecidos mediante tecnoloxías dixitais. Ao longo destes anos, o centro desenvolveu diferentes proxectos orientados á recuperación e difusión do patrimonio histórico a través de modelos tridimensionais e recreacións virtuais.
O programa contará coa participación de diversas persoas expertas dos ámbitos da historia, a arte e a divulgación cultural. A xornada estará moderada pola xornalista Begoña Diz Enríquez e incluirá a presentación do CIAG por parte do seu director creativo e fundador, Carlos Paz de Lorenzo. Intervirán tamén o catedrático de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela Jesús Ángel Sánchez García; o historiador e divulgador Miguel Anxo Cajigal (El Barroquista); o xefe de proxectos do CIAG, Anxo Miján Maroño; e o xornalista e investigador Manuel Gago Mariño.
O acceso ao evento é gratuíto, con inscrición previa ata completar aforo.
