O proxecto RURALtXA! busca impulsar a bioeconomía rural mediante a posta en valor da gandería extensiva de montaña e outras actividades tradicionais, resaltando a súa contribución á conservación da biodiversidade e dos hábitats naturais. Tras a súa última mostra no Campus Terra do Concello de Lugo, a exposición itinerante chega agora ao Ecoespazo do CISPAC, no Edificio Fontán da Cidade da Cultura de Galicia.
Composta por 34 fotografías con textos interpretativos, ofrece unha perspectiva única sobre as serras do Xistral, Faladoira, Groba e Monte Maior, destacando os seus valores naturais e culturais. A exposición mostra as paisaxes de turbeiras e queirogais obxecto de conservación do proxecto, as especies de fauna e flora que habitan nestas zonas e os valores culturais vinculados á gandería extensiva, a apicultura e a presenza de cabalos salvaxes. As fotografías foron realizadas polo equipo de RURALtXA! e por comuneiros das áreas estudadas.
Para marcar a inauguración da exposición no CISPAC, o venres 4 de abril ás 11:00 h, celebrarase unha presentación-faladoiro na que participarán Jaime Fagúndez, Laura Lagos e José Ángel Penín. Durante o evento, analizaranse os obxectivos e avances do proxecto, a súa repercusión no territorio e a importancia da conservación destas paisaxes.
A exposición permanecerá aberta ao público ata o 20 de abril, de acceso libre.



