O Museo das Peregrinacións e de Santiago acollerá os días 22 e 23 de abril unha nova edición dos Monográficos Iacobus, dedicada nesta ocasión a pensar as súas coleccións como espazo de investigación e interpretación histórica. Baixo o título Encamiñarte. Mestres, obras e camiño, o programa articúlase arredor de pezas, imaxes, relatos e obxectos conservados no museo, tomados non só como fondos patrimoniais, senón tamén como punto de partida para abordar cuestións máis amplas da historia artística e cultural de Santiago.
A dirección do encontro corre a cargo de Clara Reigosa Lombao, do Museo das Peregrinacións e de Santiago, e de Ana Pérez Varela, investigadora do grupo Iacobus da USC e vinculada ao CISPAC. O programa combina intervencións centradas nos propios fondos do museo con outras que os poñen en relación con contextos históricos, devocionais e iconográficos máis amplos. Así, xunto a unha sesión sobre os últimos ingresos no Museo das Peregrinacións e de Santiago, as relatorías percorren asuntos como as festas do Apóstolo en 1875, os debuxos de Compostela de 1935, a memoria do Hospital Real, a presenza do Camiño na novela histórica, as iconografías apócrifas, a circulación de modelos entre Xerusalén e Compostela, a indumentaria vinculada á peregrinación, a cultura visual arredor da morte ou os inicios da escultura barroca en Galicia.
O CISPAC conta con varios participantes relatores no evento. Ana Pérez Varela participará cun relatorio titulado De Guatemala a Santiago: unha procedencia nova para un cáliz do Museo das Peregrinacións e de Santiago, mentres que María Dolores Barral Rivadulla presentará Santa Ana, unha iconografía apócrifa no Museo das Peregrinacións e de Santiago. Pola súa banda, Begoña Fernández Rodríguez intervirá con Entre a peregrinación e a devoción: o frontal de San Martiño de Tours, e Juan Manuel Monterroso Montero pechará a segunda xornada co relatorio Dar pousada ao peregrino. Tradición e contexto iconográfico.
Cada peche de amboso días contará cunha visita ás salas do museo. Require inscrición previa.
