O III Congreso Internacional Luso-Galaico de Historia da Medicina, coordinado polo investigador do CISPAC Edgard Camarós, celebrará a súa terceira edición na Coruña os días 1, 2 e 3 de outubro de 2026. O encontro, que conta coa colaboración do CISPAC, leva por título Unha mirada histórica ao saber médico: da paleopatoloxía aos arquivos.
O congreso busca reunir investigacións arredor da Historia da Medicina, cunha atención especial aos vínculos entre Galicia e Portugal, mais aberto tamén a outras experiencias e contextos xeográficos. Nesta edición, propón unha reflexión sobre as diferentes fontes para estudar a medicina e a súa historia, desde os restos óseos ata a documentación escrita.
O programa incluirá a presentación de comunicacións e pósteres, dous relatorios, unha mesa redonda e unha saída de campo. A convocatoria está aberta a investigadoras e investigadores de distintas etapas da carreira académica, así como a estudantes que queiran presentar traballos relacionados cos coidados, a enfermidade e a medicina desde unha perspectiva histórica.
O prazo para o envío de propostas estará aberto ata o 30 de xullo de 2026. As comunicacións poderán presentarse en castelán, portugués, galego ou inglés. Os resumos deberán ter entre 250 e 300 palabras, incluír un mínimo de tres palabras chave, título e autoría coa correspondente afiliación, cando proceda. No caso dos pósteres, o formato será A1.
As propostas deberán enviarse ao correo congresohistomed@grupos.nube.usc.gal. Para calquera consulta, a organización pon tamén á disposición das persoas interesadas o enderezo carolina.sobrado@rai.usc.es.