Aberta a chamada para comunicacións dun seminario internacional sobre mobilidades, coidados e desigualdades globais

02/06/2026

O colectivo de investigadoras Mulleres á Fronte e os proxectos MUMUCU e Mujeres migrantes y trabajo esencial en España abren a chamada para comunicacións do Seminario Internacional de Investigación Mobilidades, reprodución social e desigualdades globais: novas abordaxes para os estudos feministas sobre as migracións internacionais.

O encontro abordará cuestións como as migracións de mulleres, o traballo de coidados, as mobilidades transnacionais, os procesos de avellentamento das mulleres migrantes e as desigualdades estruturais, desde unha perspectiva feminista e interdisciplinaria.

As propostas deberán incluír un resumo de ata 300 palabras, cinco palabras clave, unha breve nota biográfica e a filiación institucional. Poderán presentarse en galego, castelán, francés ou portugués ata o 10 de xullo de 2026, a través do correo mulleresafronte@gmail.com. Seleccionaranse un máximo de cinco comunicacións para a súa presentación no seminario.

O seminario, que conta coa colaboración do CISPAC, celebrarase os días 22 e 23 de outubro na Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña. A chamada dispón tamén dun vídeo promocional subtitulado en galego, castelán, portugués e francés, dispoñible en YouTube.

Facebook
Twitter