As I Xornadas de Investigación e Diálogo Humanista celebraranse os días 15 e 16 de outubro na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela. O encontro nace co obxectivo de ofrecer ás persoas investigadoras novas un espazo no que presentar os seus traballos e liñas de investigación, favorecer o intercambio entre disciplinas e fomentar a multidisciplinariedade no ámbito das Humanidades.
A chamada a comunicacións está aberta ao alumnado de doutoramento de programas vinculados coa historia, a xeografía, a historia da arte, a filosofía, a lingüística, a literatura, os estudos culturais, o patrimonio ou os estudos clásicos e medievais, entre outros. As intervencións poderán presentarse en galego, castelán ou inglés e terán unha duración máxima de quince minutos. Tamén se poderán propoñer mesas temáticas.
As persoas interesadas deberán enviar un resumo de ata 400 palabras, acompañado dun título, entre catro e cinco palabras chave, o nome e a afiliación académica, se procede. As propostas deberán remitirse en formato PDF ao enderezo xornadasinv.edlgo.humanista@gmail.com antes do 31 de agosto. Tanto a participación como a asistencia serán de balde e contarán con certificación.
As xornadas están organizadas por Carolina Sobrado Bernárdez, investigadora vinculada ao CISPAC e ao GEPN-AAT, e Julián García Peteiro, do Programa de Doutoramento en Estudos Medievais e do grupo SINCRISIS. O comité científico está integrado por persoal investigador de diferentes áreas das Humanidades, entre eles Edgard Camarós, Xosé Manuel Sánchez, Dolores Barral Ribadulla, Horacio García García, David Chao, Antonio Míguez Macho, Esther Corral, Ana Suárez e Xavier de Donato.
Toda a información no documento adxunto.