A Reitoral [CIT] abre as súas portas como Centro Internacional da Torneiría de Xermade

23/07/2026

O pasado 17 de xullo tivo lugar a inauguración de A Reitoral [CIT]. Centro Internacional da Torneiría situado no concello lucense de Xermade. A iniciativa é resultado dun convenio de colaboración entre o Concello de Xermade e a Universidade da Coruña e cuxa rehabilitación estivo dirixida por Luz Paz Agras, profesora da UDC, investigadora do CISPAC e investigadora principal do proxecto, xunto coa arquitecta Marta Marcos Maroño.

O proxecto permitiu rehabilitar a antiga casa reitoral da parroquia de Xermade, un edificio histórico de 1927, para convertela nun centro dedicado á conservación e promoción da torneiría da madeira. A intervención contou cun financiamento superior aos 400.000 euros do Instituto para a Transición Xusta, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

A actuación foi tamén seleccionada polo Ministerio como proxecto emblemático do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, en recoñecemento á súa capacidade para recuperar o patrimonio construído, reforzar a identidade local e xerar novos usos culturais e sociais nun territorio rural.

O edificio dispón dunha sala polivalente na planta baixa, preparada para acoller actividades culturais, encontros, conferencias e accións formativas. No andar superior sitúase o espazo expositivo, no que se conservan e amosan pezas elaboradas e cedidas por profesionais que participaron ao longo dos anos no Encontro Internacional de Torneiros da Madeira de Xermade. Durante o acto, Luz Paz presentou as principais características da intervención e destacou o potencial da recuperación do patrimonio como ferramenta para crear novos equipamentos públicos ao servizo da comunidade.

Na inauguración participaron tamén Pedro Blanco, delegado do Goberno en Galicia; Olimpia López, subdelegada do Goberno en Lugo; Carmela López, presidenta da Deputación de Lugo; Carmen José López, directora territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración; Elena Fabeiro, xerente da Fundación Artesanía de Galicia; Roberto García, alcalde de Xermade, e Alfonso Franco, presidente da Asociación Amigos da Madeira.

Facebook
Twitter