O informe Just Transition and Care Work. An International Inquiry, coordinado por Stefania Barca desde o CISPAC e publicado por UNRISD, foi a publicación máis lida de 2025 segundo o Year in Review do organismo das Nacións Unidas dedicado á investigación en desenvolvemento social.
O documento propón un xiro de enfoque: pensar a transición ecolóxica non só como unha transformación tecnolóxica e produtiva, senón como un proceso que debe incorporar o traballo que sostén a vida cotiá. A investigación defende que unha transición verdadeiramente xusta require recoñecer e protexer os dereitos e necesidades das persoas que realizan tarefas de coidado, tanto no ámbito remunerado como no non remunerado, conectando así a acción climática coas economías dos coidados a escala global.
A publicación estrutúrase en cinco dimensións de análise —coidados e traballo doméstico, provisión de alimentos en contextos campesiños e indíxenas, coidado ambiental comunitario, saúde e educación— e recolle achegas desde redes internacionais de investigación e activismo, incorporando experiencias e perspectivas situadas sobre as crises ecolóxicas e de desigualdade.
UNRISD destacou tamén como lecturas máis relevantes de 2025 dous informes centrados na relación entre transicións e igualdade: Ensuring Justice in Transition, sobre enfoques transformadores en clave de xénero, e Understanding Backlash Against Gender Equality, sobre as respostas ante o retroceso en dereitos e políticas de igualdade.
Imaxe de portada: UNRISD