A nova Cátedra Interinstitucional en Patrimonio Cultural Dixital terá sede no CISPAC

22/09/2025

O pasado 19 de setembro presentouse en Santiago de Compostela a renovación da Cátedra de Patrimonio Cultural Dixital, baixo un novo nome: “Cátedra Interinstitucional en Novas Tecnoloxías para a Dixitalización”. A iniciativa foi impulsada pola Xunta de Galicia, a rede CRUSOE de universidades e a compañía NTT DATA, que asumen un enfoque máis ambicioso e internacional para consolidar Galicia como referente no eido do patrimonio cultural dixital.

A Cátedra, dirixida polo investigador do CISPAC Juan Castro, terá a súa sede no CISPAC. Desde a súa creación en 2022, vén desenvolvendo iniciativas pioneiras na conservación e difusión do patrimonio a través da tecnoloxía, promovendo a colaboración entre administracións, universidades, investigadores e empresas.

Entre os seus fitos destaca a posta en marcha do primeiro Máster Interuniversitario en Patrimonio Cultural Dixital organizado en España, impulsado desde a dirección do CISPAC en colaboración coa Facultade de Xeografía e Historia da USC e a iniciativa da rede CRUSOE. Así mesmo, a Cátedra participa en proxectos internacionais de referencia como MetaHeritage, a European Collaborative Cloud for Cultural Heritage (ECCCH) ou 3D Big Data for the Data Space for Cultural Heritage.

Nesta nova etapa, a Cátedra contará co ICT Lab, un centro de apoio á innovación tecnolóxica orientado á investigación aplicada, a formación avanzada e a empregabilidade. O seu primeiro desafío será a reconstrución dixital do Coro Pétreo do Mestre Mateo, un proxecto de referencia internacional que serve de prototipo e que está baixo a dirección do investigador do CISPAC Francisco Prado-Vilar.

Máis información na web da rede CRUSOE.

Facebook
Twitter