A 19ª campaña de escavacións en Cova Eirós, iniciada o 4 de agosto, permitiu recuperar novas ferramentas líticas e restos de fauna e inclúe tamén traballos de prospección na próxima gruta de Os Bloques.
Desde o inicio do traballo de campo, o equipo investigador continuou avanzando no coñecemento das ocupacións paleolíticas deste xacemento, situado a 785 metros de altitude no monte Penedo e considerado un dos principais referentes para o estudo da Prehistoria en Galicia. Cova Eirós conserva evidencias das ocupacións dos últimos neandertais e dos primeiros Homo sapiens, nun contexto ambiental que puido funcionar como refuxio climático fronte ás condicións máis adversas da Idade do Xeo.
A campaña incluíu unha sondaxe destinada a comprobar a posible existencia de niveis máis antigos baixo os xa coñecidos e avanzar así na reconstrución da secuencia de ocupación da cavidade. Paralelamente, o equipo investigou a gruta de Os Bloques, situada a uns 500 metros de Cova Eirós, para determinar se conserva novos niveis arqueolóxicos e posibles espazos de hábitat.
Ata o momento non se localizaron restos humanos de Homo sapiens en Cova Eirós, mais o rexistro arqueolóxico permite achegarse ás formas de vida e ás capacidades técnicas e simbólicas destas poboacións. As ferramentas líticas e outros obxectos recuperados, xunto coas evidencias de aproveitamento dos recursos animais e as manifestacións de arte rupestre conservadas nas paredes da cavidade, documentan diferentes formas de relación co medio e de expresión cultural. No caso dos neandertais, destacan especialmente as ferramentas de pedra, que permiten reconstruír as súas actividades e estratexias de ocupación.
Os distintos niveis arqueolóxicos de Cova Eirós mostran, ademais, diferentes formas de ocupación do espazo, seguindo o carácter nómada das comunidades. A diversidade e distribución das evidencias permiten estudar como neandertais e Homo sapiens utilizaron a cavidade en diferentes momentos e para distintas actividades.
Unha das grandes expectativas do equipo continúa sendo a localización de restos humanos do Paleolítico, ata o de agora só documentados en Galicia na cova de Valdavara, onde en 2012 se atopou un dente de leite duns 17.000 anos de antigüidade.
Nos traballos participan investigadores e investigadoras de diferentes institucións, entre eles Mikel Díaz Rodríguez, Álvaro Ibáñez Encinas, Tania Mosquera Castro, Ramón Fábregas Valcarce e Hugo Bal, do CISPAC, xunto a outros especialistas como Arturo de Lombera Hermida e Xosé Pedro Rodríguez Álvarez.
As tarefas de divulgación foron tamén unha parte destacada da campaña, co obxectivo de achegar á comunidade local o coñecemento xerado arredor do xacemento. O sábado 16 de agosto celebrouse a III Xornada de Divulgación en Cancelo, na que o equipo de Cova Eirós presentou os resultados das investigacións, desde as ocupacións prehistóricas ata o estudo do clima e da paisaxe da Galicia da Idade do Xeo. A xornada incluíu tamén propostas sobre cestería e representación dos animais ao longo do tempo.