A investigación de Francisco Prado-Vilar permite a restitución de dúas esculturas románicas expoliadas do mosteiro de Carboeiro

04/02/2026

A localización de documentación inédita nos arquivos do Estado por parte de Francisco Prado-Vilar, investigador distinguido da Universidade de Santiago de Compostela e membro do CISPAC, foi determinante para demostrar o espolio de dúas esculturas románicas do século XII pertencentes ao Mosteiro de Carboeiro, en Silleda, e para facer posible o seu regreso a Galicia.

As pezas, que representan un Cristo en Maxestade e os símbolos dos apóstolos San Lucas e San Xoán, foran roubadas do pórtico do mosteiro nos anos cincuenta, en plena ditadura, e circularon posteriormente polo mercado artístico europeo ata acabar nos anos oitenta no Museu Frederic Marès, dependente do Concello de Barcelona. O museo adquirira as esculturas en 1980 sen coñecer a súa orixe ilícita.

No marco das súas investigacións sobre o espolio patrimonial e a circulación de obras procedentes de Galicia durante a ditadura, Prado-Vilar atopou no Arquivo Xeral da Administración e no Arquivo de Galicia varios legaxos relevantes para esta cuestión. Entre eles destaca unha carta de 1957 asinada por José Filgueira Valverde, daquela apoderado do Servizo de Defensa do Patrimonio Artístico en Pontevedra, na que se informaba oficialmente da sustracción das “dúas pezas máis fermosas da escultura” do mosteiro de Carboeiro.

Esta documentación permitiu certificar que as esculturas foran roubadas máis de vinte anos antes da súa adquisición polo museo catalán e constituíu a proba decisiva para que a Xunta de Galicia reclamase formalmente a súa devolución en 2023. A existencia dun informe histórico sólido fixo posible que o Concello de Barcelona aceptase resolver o caso pola vía amistosa, evitando un conflito xudicial entre institucións.

Fotografía: Fundació Institut Amarller d’Art Hispànic Arxiu Mas / Museo Marés

Facebook
Twitter