Dous proxectos vinculados a persoal investigador do CISPAC obtiveron financiamento na convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025 da Axencia Estatal de Investigación. As iniciativas están encabezadas por Begoña Fernández Rodríguez (USC-CISPAC) e David Soto Fernández (USC-CISPAC) e desenvolveranse durante os próximos tres anos.
Begoña Fernández Rodríguez é a investigadora principal de Estrategias para la salvaguarda y tutela de un patrimonio en riesgo. Lux Unitas Clarior (LUNCLA) (PID2025-174299NB-I00). O proxecto, que comezará o 1 de setembro, estudará a situación de vulnerabilidade do patrimonio cultural vinculado ás comunidades monásticas e conventuais, con especial atención á Orde de Santa Clara.
A investigación procurará definir estratexias que contribúan á súa protección integral, atendendo tanto aos bens materiais —inmobles e coleccións artísticas— como aos valores, prácticas e tradicións asociados ás comunidades que os conservan. A partir do estudo de diferentes conventos de Galicia e Valencia, o equipo elaborará instrumentos de identificación de riscos, protección patrimonial e divulgación que poidan ser aplicados noutros contextos.
Pola súa banda, David Soto Fernández lidera na Universidade de Santiago de Compostela, xunto con Iban Vázquez González, un dos subproxectos de El metabolismo de la ganadería española. Estudio de las transiciones estatal y regional en la Edad Contemporánea (AGROECOLIVESTOCK) (PID2025-169625NB-C22).
A iniciativa analizará a evolución da gandaría española desde unha perspectiva histórica e socioecolóxica, prestando especial atención ás diferentes traxectorias experimentadas en Galicia e Cataluña. O estudo permitirá afondar nas transformacións dos sistemas gandeiros, nas consecuencias da súa industrialización e nas posibilidades que ofrecen modelos alternativos, como a gandaría extensiva e ecolóxica, para avanzar cara a sistemas alimentarios máis sustentables.