RURALtXA! é un proxecto transformador que busca impulsar as actividades tradicionais de gandería extensiva vinculadas á conservación de hábitats, establecendo a base da bioeconomía rural en áreas da Rede Natura e outros espazos naturais de montaña. Promovido polas universidades da Coruña e Santiago de Compostela, xunto coa Fundación HAZI, conta co apoio da Fundación Biodiversidade e financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea – NextGenerationEU.
O próximo mércores, 27 de novembro, terá lugar o Primeiro Seminario do Proxecto RURALtXA!. O evento traballará en torno aos avances e desafíos asociados ás actividades tradicionais en áreas piloto seleccionadas. A apertura correrá a cargo de Jaime Fagúndez Díaz, investigador do CISPAC e coordinador do proxecto, seguida dunha presentación xeral por parte de Ramón Alberto Díaz Varela (USC).
O seminario busca ser un espazo de diálogo onde investigadores, técnicos e outros actores do medio rural poidan compartir coñecementos e establecer sinerxías para afrontar os retos da sostibilidade ambiental e socioeconómica.
Podes consultar o programa completo deste evento en liña, que dará comezo ás 9.30h. Require de inscrición previa.