O próximo 21 de outubro celébrase unha nova edición do Ciclo de teses en discusión do CISPAC.
En primeiro lugar Davide Giordanengo, investigador da Università di Torino de estadía no noso centro iniciará a actividade coa presentación do proxecto titulado «Natura della politica e politica della natura nei discorsi e nelle pratiche dei movimenti per la giustizia climatica. I casi di Fridays For Future e Extinction Rebellion». Davide Giordanengo é estudante do doutorado en Cambio Social e Político, un curso interdisciplinar organizado en colaboración entre a Universidade de Torino e a Universidade de Florencia. A súa investigación versa sobrea relación entre el concepto de naturaleza e a forma de facer e pensar a política nos movementos de xustiza climática Fridays For Future e Extinction Rebellion.
Seguidamente, Hugo Bal García (USC) presentará o proxecto «Estudo zooarqueolóxico do Noroeste da Península Ibérica durante o Último Período Glacial». Hugo é graduado en Historia e máster en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade pola Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente é investigador no GEPN-AAT e no CISPAC cunha bolsa predoutoral FPI do Ministerio de Ciencia e Innovación. Especializado en zooarqueoloxía, a súa liña de investigación abarca o estudo da fauna plistocénica de Galicia, concretamente na súa relación e explotación por parte das comunidades de cazadores-recolectores da zona.
A última intervención virá da man de Lucía Paz Aldrey, coa presentación «Conflitos socioeconómicos e enerxía eólica: O caso de Galicia». Lucía é graduada en Economía pola Universidade de Santiago de Compostela, cun mestrado en Métodos Avanzados de Investigación e Innovación na Análise Social na Universidade da Coruña. Actualmente atópase realizando o programa de doutoramento de Economía e Empresa na Universidade de Santiago de Compostela cunha tese sobre o estudo do conflito socioeconómico que xorde en Galicia derivado do desenvolvemento do sector eólico mariño e terrestre.
A actividade terá lugar no Lar do CISPAC ás 10h.