Xénero, produción e coidados a través da perspectiva transhistórica

02/10/2026

Santiago de Compostela será o escenario das xornadas Xénero, producción e coidados a través da perspectiva transhistórica, que se celebrarán os días 15 e 16 de outubro de 2026 no Museo do Pobo Galego. O encontro reunirá persoal investigador de distintas universidades e centros de investigación para abordar as relacións entre xénero, traballo e coidados, desde as comunidades medievais ata o mundo contemporáneo.

A sesión inaugural terá lugar o xoves 15 de outubro ás 16.00 horas. A continuación, Margarita Fernández Mier, da Universidad de Oviedo, ofrecerá o relatorio «La Historia Agraria como herramienta para dar voz a los grupos invisibilizados en la Historia», que abrirá a reflexión sobre as posibilidades da investigación histórica para recuperar experiencias e colectivos pouco representados nos relatos do pasado.

O primeiro bloque, dedicado á produción e á reprodución no Medievo, estará coordinado por José María Moreno Narganes. As intervencións abordarán a presenza das mulleres en al-Andalus, os espazos cotiáns das comunidades campesiñas altomedievais, as experiencias das mulleres soas no rural e as pegadas do estrés e da vulnerabilidade nos restos humanos. Tamén se analizarán as prácticas alimentarias e as redes de sororidade, os coidados espirituais e a protección social vinculados á reginalidade baixomedieval.

A mañá do venres 16 centrarase na memoria e no patrimonio con perspectiva de xénero, nun bloque coordinado por Andrea Mouriño Schick. As contribucións tratarán as narrativas sobre a Prehistoria, os discursos dos museos arqueolóxicos locais, o papel das mulleres nas paisaxes agrarias e as experiencias de coeducación patrimonial e arqueoloxía pública. A sesión incluirá unha intervención sobre a louza de Bamio e as súas relacións cos coidados e coa memoria, ademais dunha visita guiada ao Museo do Pobo Galego.

Pola tarde, o terceiro bloque, coordinado por Ana Delia González Jiménez, abordará as relacións entre ruralidade, resistencia e comunidade. As intervencións achegaranse á memoria colectiva dos espazos domésticos, á transformación comunitaria do territorio, ás feminidades rurais na Galicia franquista, ás infancias aborixes de Canarias e ao estudo da muller rural desde a arqueoloxía do pasado contemporáneo.

Stefania Barca, da Universidade de Santiago de Compostela, pronunciará ás 18.15 horas o relatorio de clausura, «Género, naturaleza y poder: entre teoría e historiografía». O programa rematará cun roteiro por Compostela con perspectiva de xénero, previsto entre as 19.30 e as 20.30 horas.

Máis información no programa adxunto.

Facebook
Twitter