Os tres centros galegos de investigación interuniversitarios CISPAC, CITMAga e ECOBAS vimos de asinar a Declaración de Compostela Da ciencia con conciencia na que asumimos o compromiso de construír un ecosistema científico colaborativo baseado na excelencia e utilidade social, cun enfoque aberto á cooperación con outros centros públicos de investigación, tanto universitarios como non universitarios.
Facemos un chamamento a que máis centros de investigación galegos se adhiran, de maneira aberta e participativa, a esta iniciativa de compromiso coa Ciencia Aberta, coa construción dunha nova ciencia cidadá e cun modelo de formación académica en proceso de transformación. Podes adherirte á declaración cubrindo o seguinte formulario premendo aquí.
A Declaración, un documento aberto a achegas de mellora, xurdiu na I Xornada dos Centros de Investigación Interuniversitarios de Galicia que tivo lugar en febreiro.